sábado, 2 de abril de 2016

A REXENERACIÓN URBANA


A  verdadeira orixe das meninas de canido está na gran deterioración que ata hai pouco tiña o barrio de Canido, unha antiga aldea que agora está integrada na parte máis alta da estrutura urbana de Ferrol.




Este barrio que a mediados do século pasado mantiña hábitos propios dunha aldea, con casas baixas xunto ás que había hortos, no que os veciños vivían na rúa, e onde  as portas das casas estaban abertas, tras a crise da industria naval, aos poucos foise deteriorando e as súas casas abandonando.
Case converteuse nun barrio marxinal de Ferrol, onde apenas ían os ferroláns dado o esforzo que ademais supón subir andando as empinadas costas do barrio da Madalena para chegar a Canido.
Consciente desta situación, en setembro de 2008 o pintor ferrolán Eduardo Hermida, residente en Canido, tomou a decisión de convocar a outros artistas amigos para, nunha xornada festiva, decorar as fachadas dalgunhas das casas con pinturas que evocaban o famoso cadro das Meninas de Velázquez.
Desde entón, cada primeiro fin de semana de setembro veuse repetindo esta festa cultural, cada vez con maior participación de artistas.


O resultado é que ano a ano as fachadas das cada vez máis coidadas casas de Canido foron adquirindo un imaxe característica con obras dos máis diferentes estilos, pero sempre cunha maior ou menor vinculación ás citadas Meninas.




Agora numerosos artistas de todo o mundo, coñecedores desta iniciativa artística de rexeneración urbana, piden participar nesta festa, que de reunión de amigos pasou a converterse nun evento cultural apoiado polo propio Concello de Ferrol.
De feito, na máis recente edición, durante dous días reuníronse máis de cen artistas, entre pintores, escultores e fotógrafos procedentes de diversos lugares de España e do estranxeiro.
O feito é que agora a ruta das Meninas do barrio de Canido é unha atracción para as excursións e cruceiros que con turistas chegan a Ferrol. Aí atopan plasmadas as máis diversas propostas artísticas sobre a máis famosa pintura de Velázquez.
E, ademais, grazas a este proceso de rexeneración, as casas de Canido aos poucos estanse rehabilitando e o barrio empeza a ser un lugar de moda onde profesionais e artistas queren fixar a súa residencia.



No hay comentarios:

Publicar un comentario